Bolsas de verán CiTIUS 2026

Achégase o verán! E con el... tamén unha nova edición das Bolsas de Verán do CiTIUS! Se estás a cursar un grao relacionado coa Intelixencia Artificial ou coas Tecnoloxías Intelixentes, esta pode ser a túa oportunidade para iniciar a túa traxectoria investigadora: o CiTIUS ofrece 15 novas axudas para realizar unha estancia de verán no centro. Envía a túa candidatura ata o 18 de maio!

O CiTIUS pon en marcha unha nova edición das súas Bolsas de Verán, unha iniciativa coa que leva doce anos consecutivos achegando o alumnado universitario ao ámbito da investigación en Tecnoloxías Intelixentes. A convocatoria de 2026 ofrecerá 15 axudas dirixidas a estudantes de grao interesados/as en vivir a súa primeira experiencia investigadora nun centro de referencia internacional en Intelixencia Artificial.

As estancias desenvolveranse durante o mes de xullo e permitirán ao alumnado participante incorporarse a proxectos vinculados aos Ámbitos Científicos do CiTIUS, coñecendo de primeira man o traballo desenvolvido polos distintos grupos de investigación do centro.

As persoas seleccionadas poderán achegarse a ámbitos científicos como Tecnoloxías lingüísticas, IA fiable, Aprendizaxe e razoamento automáticos, Robótica, Computación de altas prestacións, Realidade virtual e aumentada, Visión por Computador, Ciencia e enxeñaría de datos e procesos ou Deseño electrónico de dispositivos intelixentes. Ademais da actividade investigadora, o programa inclúe tamén acceso á actividade formativa do CiTIUS, con cursos especializados, seminarios e encontros con persoal investigador de prestixio internacional.

Cada bolsa contará cunha dotación de 850€ brutos, ademais dunha axuda adicional para estudantes non residentes en Santiago de Compostela destinada a sufragar gastos de desprazamento: ata 300€ para alumnado procedente de fóra de Galicia e ata 80€ para residentes noutros municipios da comunidade autónoma.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 18 de maio.

Solicitar.png