Bolsas de verán CiTIUS 2026

Convocatoria anual das Bolsas de Verán do CiTIUS, que en 2026 ofrece 15 axudas a alumnado de grao que desexe ter a súa primeira experiencia investigadora no campo das Tecnoloxías Intelixentes (TI). As Bolsas financiarán estas estancias preferentemente durante o próximo mes de xullo, co obxectivo de que as que as persoas beneficiarias poidan desenvolver un proxecto de investigación no marco das liñas dos Ámbitos Científicos do CiTIUS.

O grupo de estudantes seleccionado terá, así, un primeiro contacto coa investigación en áreas como IA fiable, Tecnoloxías lingüísticas, Aprendizaxe e razonamento automáticos, Robótica, Computación de altas prestacións, Realidade virtual e aumentada, Visión por Computador, Ciencia e enxeñaría de datos e procesos ou Deseño electrónico de dispositivos intelixentes. Ademais, durante o período de duración da bolsa, os/as estudantes poderán participar na actividade formativa desenvolvida no CiTIUS, que inclúe a asistencia a cursos, conferencias de persoal investigador de prestixio internacional ou presentacións das ferramentas informáticas máis actuais no campo das TI.

As axudas están dotadas con 850€ brutos máis unha axuda para alumnos/as non residentes en Santiago de Compostela destinada ao financiamento dos gastos de transporte, cun importe máximo de ata 300€ para estudantes de fóra de Galicia, e ata 80 € para estudantes residentes noutros concellos da Comunidade.

Solicitudes

Os/as aspirantes deberán remitir a documentación requirida a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, usando o formulario de solicitude dispoñible nesta ligazón, que deberán dirixir ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) ata o luns 18 de maio de xuño ás 23:59 h (CEST). Xunto ao formulario de solicitude deberá anexarse a seguinte documentación:

  • Copia da certificación académica do grao ou título equivalente, no que consten as cualificacións obtidas, e con expresión da nota media en base 10. No suposto de realizar estudos no estranxeiro nun idioma diferente ao inglés, a certificación deberá presentarse coa tradución oficial ao español ou galego.

    As persoas candidatas a estas axudas deben acreditar a equivalencia da nota
    media dos seus estudos universitarios realizados en centros estranxeiros
    segundo o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Este trámite
    realízase online. A información detallada atópase na seguinte [ligazón](https://universidades.sede.gob.es/pagina/index/directorio/Equivalencia_nota s_medias/language/en).

  • Copia do xustificante de matrícula correspondente ao curso 2025/2026, ou documento acreditativo expedido pola universidade correspondente.

  • Currículo vitae da persoa solicitante.

  • Carta de motivación, incluíndo a expresión do interese na obtención da bolsa.

Avaliación

A ordenación das solicitudes farase de acordo cos seguintes criterios, sobre unha puntuación máxima de 10 puntos:

  • Expediente académico da persoa solicitante (70% da valoración obtida).
  • CurrÍculum vitae presentado: nel teranse en conta as publicacións, premios, e a formación relacionada co obxecto das Bolsas, entre outros aspectos (20% da valoración obtida).
  • Expresión de interese das persoas aspirantes, formulada na carta de presentación (10% da valoración obtida).

Máis información nas bases reguladoras ou enviando un correo a citius.rrhh@usc.gal, indicando no asunto [CiTIUS Summer Fellowships 2026].

Presentar solicitude

Ligazóns

HRS4R