Alberto José Bugarín Diz

Son Catedrático de Universidade na área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e coordinador do Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI)‚ recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia dende 2006 e que iniciou a súa traxectoria de investigación en IA en 1990.

As miñas liñas de investigación céntranse en diferentes áreas da intelixencia artificial e as súas aplicacións‚ coma a xeración de linguaxe natural (sistemas “Data-To-Text”)‚ a computación flexible (“soft computing”)‚ a aprendizaxe automática e a representación do coñecemento e razoamento aproximados.

Son coautor de case 230 traballos científicos nos ditos temas e teño participado en máis de 63 proxectos de I+D e contratos de innovación e transferencia‚ sendo investigador principal en 25 deles. Tamén teño participado en proxectos de divulgación científica e son membro de diversas redes temáticas de investigación, incluida a recentemente concedida rede TELSEC4TAI sobre "Intelixencia artificial fiable: retos técnicos, éticos, legais, culturais e socio-económicos," liderada polo CiTIUS.

Fun Subdirector da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC (ETSE) e na actualidade son vocal da Xunta Directiva da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA), secretario da Sociedad Española para el Procesamiento del Lenguaje Natural (SEPLN) e membro do comité organizador da “27th European Conference on Artificial Intelligence (ECAI)” que terá lugar en Santiago de Compostela en outubro de 2024. A nivel académico, coordino o Grao en Intelixencia Artificial impartido conjuntamente polas tres universidades de Galicia.