Aprendizaxe baseada na prestación de servizos de administración informática na USC
Presentamos unha experiencia de ApS, desenvolvida durante os últimos 4 cursos, consistente na realización de servizos de administración informática avanzada en distintos destinos dentro da Universidade de Santiago de Compostela. O servizo, estimado en 25 h. de traballo, levouse a cabo na asignatura optativa “Administración Avanzada de Sistemas e Redes”, de 3º curso do Grao en Enxeñaría Informática. A aprendizaxe d@s alumn@s desenvolveuse realizando tarefas de administración informática de interese para a asignatura en entornos reais. A maioría dos destinos teñen un perfil informático avanzado, nomeadamente a Oficina de Software Libre do Consorcio Interuniversitario Galego e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC, incluíndo servizos como o desenvolvemento dunha plataforma web para preguntas e respostas, servidores de aplicacións web, xestores de metapaquetes software para o sistema operativo Linux, entre outros. Trátase dunha actividade altamente motivadora para o alumnado, que realiza servizos atractivos e de utilidade para os destinatarios.
keywords: Informática, Enxeñaría, Administración, Software libre, Virtualización