COMPEL: Análise computacional das literaturas periféricas

Tecnoloxías recentes como os grandes modelos de linguaxe supuxeron un gran progreso no procesamento da linguaxe natural. Con todo, algúns escenarios presentan desafíos particulares, como as variedades históricas. Ademais, algunhas tarefas como a análise automática de textos literarios tamén presentan desafíos específicos e son menos comunmente estudadas. A análise de datos literarios en linguas variadas é esencial para a comprensión de prácticas e produtos culturais ao longo da historia. Porén, moitas linguas carecen de recursos computacionais axeitados para esta fin. O proxecto COMPEL aborda a literatura en galego, unha lingua incluída na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, para mellorar os recursos de análise computacional de textos literarios en tradicións menos estudadas.

Obxectivos

Un obxectivo do proxecto é incrementar os recursos que permitan a análise computacional de textos literarios en tradicións menos estudadas, centrándose no galego, unha tradición rica pero periférica situada entre dúas grandes literaturas románicas, a portuguesa e a española. O proxecto céntrase en dous xéneros, a poesía e a narrativa, e dous principais movementos literarios galegos no século XIX e a principios do século XX; ao estaren os seus textos no dominio público, será posíbel distribuír os recursos do proxecto baixo licenzas abertas. Desenvolveranse métodos para comparar textos de varias tradicións literarias de forma multilingüe. O proxecto ten como obxectivo promover unha historia literaria inclusiva e, ao mesmo tempo, contribuír á diversidade lingüística europea. O proxecto trata de desenvolver tecnoloxía que facilite un acceso intelixente ao patrimonio cultural e aos produtos culturais en galego.


Ligazón á páxina web do proxecto