Relatorio: ' 'Os desafíos dixitais da Xunta de Galicia'

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia, visita a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC o xoves 23 de marzo para impartir a conferencia 'Os desafíos dixitais da Xunta de Galicia'. O encontro servirá para presentar os diferentes retos e oportunidades da administración autonómica no eido da intelixencia artificial e a informática e tamén as posibilidades de emprego para profesionais destes sectores.

A sesión desenvolverase no Salón de Actos do centro a partir das 12.30 horas.

Sobre o relator

Entre 1998 e 2022 traballou no sector privado, no ámbito da consultoría de sistemas da información.

De 1998 a 2007 ocupou diversos cargos en Soluziona (agora Indra), inicialmente como analista de sistemas e posteriormente dirixindo proxectos para o Servizo Galego de Saúde como consultor sénior, onde participou no deseño e na implantación do sistema de historia clínica electrónica (IANUS).

En 2007 fundou a empresa Queres, na que desempeñou os cargos de CTO (responsable tecnolóxico) e CFO (responsable financeiro), á vez que participaba en diversos proxectos para múltiples clientes públicos e privados en calidade de consultor sénior. Esta etapa profesional péchase coa venda da empresa Queres á consultora Izertis en 2020.

De 2020 a 2022 foi responsable do departamento de Sistemas de Xestión de Contidos en Izertis, á vez que desempeñaba funcións de consultor sénior para a Área de Infraestruturas e Seguridade da Amtega.