Día CAME&IA: 'Ata a IA e máis alá: Novos horizontes da Medicina Personalizada'

O CiTIUS acolle unha xornada monográfica no marco da Cátedra USC-Plexus de IA aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAME&IA), un encontro centrado en explorar o futuro da Intelixencia Artificial no ámbito da saúde e o seu impacto no desenvolvemento da medicina personalizada.

A sesión porá o foco no papel do persoal investigador e dos especialistas en IA, abordando cuestións clave como a empregabilidade, as competencias emerxentes e as oportunidades profesionais neste ámbito. Para iso, contarase coa participación de persoas expertas procedentes de distintos sectores, incluíndo a academia, a industria, a administración pública e o ámbito sanitario.

O programa incluirá un concurso de presentacións en formato pitch a cargo do persoal investigador da Cátedra CAMELIA, unha charla convidada e unha mesa redonda na que se debaterán os retos actuais e as perspectivas de futuro da IA aplicada á medicina personalizada.

A xornada está dirixida especialmente a estudantes de ámbitos STEM e TIC, así como a persoal investigador predoctoral interesado nas aplicacións da Intelixencia Artificial en saúde.