'Achégate ao CiTIUS': Xornada de Portas Abertas para estudantes de grao e máster

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) organiza unha xornada especial dirixida ao alumnado de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela. O evento constitúe unha oportunidade única para coñecer de preto o traballo desenvolvido no centro, así como as vías de acceso e oportunidades para dar os primeiros pasos nunha carreira investigadora. A actividade celebrarase no CiTIUS o próximo xoves 7 de maio, ás 12:30 entre as 12:30 e as 13:45. Para participar, tan só é necesario formalizar a inscrición previa a través do formulario oficial da xornada, xa que as prazas son limitadas.

O centro abre as súas portas ao alumnado de grao e máster da USC na cuarta edición de 'Achégate ao CiTIUS'. 

A xornada comezará cunha presentación institucional a cargo da dirección do centro, onde se explicarán as principais opcións que ofrece o CiTIUS para o alumnado universitario: dende o seu programa de bolsas de verán e os contratos de inicio á investigación, así coma outras oportunidades de carreira.

Posteriormente, realizarase unha visita guiada polos laboratorios de Robótica, Microelectrónica e Realidades Intanxibles, orientada a mostrar exemplos prácticos das liñas de investigación que se desenvolven no centro e os retos tecnolóxicos que abordan. No laboratorio de Robótica o alumnado poderá coñecer sistemas colaborativos e plataformas móbiles; no de Microelectrónica, equipo para deseño e caracterización de circuitos integrados; e no de Realidades Intanxibles, un espazo multi-persoa de realidade virtual con tecnoloxía inmersiva.