Conferencia: 'Seguimos sendo humanos ante a robótica intelixente. Da percepción multimodal do traballador ao deseño responsable da interacción humano-robot'

Nesta charla explorarase como a robótica intelixente está cambiando a forma en que as persoas colaboran con sistemas técnicos avanzados. A reflexión partirá de experiencias e investigacións desenvolvidas en FAST-Lab, especialmente en interacción humano-robot, percepción multimodal e modelado do estado humano. A partir destes casos, analizarase un problema de deseño fundamental: canto máis capaz é un sistema de interpretar ao traballador, maior é a responsabilidade sobre como se usa esa información. A charla defenderá unha idea central: a tecnoloxía non nos converte en outra especie nin nos desposúe da nosa condición humana, pero si pode mellorar ou degradar a maneira en que traballamos, decidimos e somos tratados. Por iso, a confianza na robótica intelixente exixe protexer a axencia, a dignidade e o papel activo das persoas nos sistemas que construímos.

Sobre o relator

O profesor Jose L. Martinez Lastra é catedrático de universidade (full professor) desde 2006, con trinta anos de dedicación á docencia e investigación en ciencia e tecnoloxía. Ao longo da súa carreira exerceu como investigador principal (PI) en máis de 30 proxectos financiados pola Unión Europea, abranguendo ámbitos tan diversos como a automática, a robótica avanzada e os sistemas intelixentes centrados nas persoas. As súas máis de 300 publicacións en revistas indexadas e ponencias a congresos, e as colaboracións con centros de excelencia internacional reflicten o seu compromiso continuo coa innovación e a transferencia de coñecemento.