Bolsas de verán CiTIUS 2025

Convocatoria anual das Bolsas de Verán do CiTIUS, que en 2025 ofrece 13 axudas a alumnado de grao que desexe ter a súa primeira experiencia investigadora no campo das Tecnoloxías Intelixentes (TI). As Bolsas financiarán estas estancias preferentemente durante o próximo mes de xullo, co obxectivo de que as que as persoas beneficiarias poidan desenvolver un proxecto de investigación no marco das liñas dos Programas Científicos do CITIUS.

O grupo de estudantes seleccionado terá, así, un primeiro contacto coa investigación en áreas como Visión por Computador, Sistemas e contornas intelixentes, IA fiable, Aprendizaxe e razoamento automáticos, Robótica, Computación de altas prestacións, Realidade virtual e aumentada, Deseño electrónico de dispositivos intelixentes, Ciencia e enxeñaría de datos e procesos ou Tecnoloxías lingüísticas. Ademais, durante o período de duración da bolsa, os/as estudantes poderán participar na actividade formativa desenvolvida no CiTIUS, que inclúe a asistencia a cursos, conferencias de persoal investigador de prestixio internacional ou presentacións das ferramentas informáticas máis actuais no campo das TI.

As axudas están dotadas con 850€ brutos máis unha axuda para alumnos/as non residentes en Santiago de Compostela destinada ao financiamento dos gastos de transporte, cun importe máximo de ata 300€ para estudantes de fóra de Galicia, e ata 80 € para estudantes residentes noutros concellos da Comunidade.

Solicitudes

Os/as aspirantes deberán remitir a documentación requirida a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, usando o formulario de solicitude dispoñible nesta ligazón, que deberán dirixir ao Servizo de Convocatorias e Recursos Humanos de I+D ata o martes 3 de xuño ás 23:59 h (CEST). Xunto ao formulario de solicitude deberá anexarse a seguinte documentación:

  • Copia da certificación académica do grao ou título equivalente, no que consten as cualificacións obtidas, e con expresión da nota media en base 10. No suposto de realizar estudos no estranxeiro nun idioma diferente ao inglés, a certificación deberá presentarse coa tradución oficial ao español ou galego.
  • Copia do xustificante de matrícula correspondente ao curso 2024/2025, ou documento acreditativo expedido pola universidade correspondente.
  • Currículo vitae da persoa solicitante.
  • Carta de motivación, incluíndo a expresión do interese na obtención da bolsa.

Avaliación

A ordenación das solicitudes farase de acordo cos seguintes criterios, sobre unha puntuación máxima de 10 puntos:

  • Expediente académico da persoa solicitante (70% da valoración obtida).
  • CurrÍculum vitae presentado: nel teranse en conta as publicacións, premios, e a formación relacionada co obxecto das Bolsas, entre outros aspectos (20% da valoración obtida).
  • Expresión de interese das persoas aspirantes, formulada na carta de presentación (10% da valoración obtida).

Máis información nas bases reguladoras ou enviando un correo a citius.rrhh@usc.gal, indicando no asunto [CiTIUS Summer Fellowships 2025].

Lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas:

  • Data de publicación: 11/06/2025.
  • Prazo de presentación de enmendas: 12/06/2025-16/06/2025. Ligazón

Lista definitiva de solicitudes admitidas e excluídas:

  • Data de publicación 17/06/2025

Resolución de concesión provisional:

  • Data de publicación: 20/06/2025

Resolución de concesión definitiva:

  • Data de publicación: 27/06/2025

Ligazóns

HRS4R