Convocatoria para a vinculación de persoal investigador ao CiTIUS

O CiTIUS abre unha nova convocatoria dirixida ao persoal investigador con interese en vincularse ó centro.

Preámbulo

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS, citius.gal) foi creado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) no marco da Rede de Centros Singulares de Investigación (CCSSI), que constitúen o eixo principal do proxecto Campus Vida (Campus de Excelencia Internacional).

Creado en 2010 e inaugurado en setembro de 2012, o CiTIUS naceu co obxectivo de chegar a ser un centro de investigación de referencia, distinguido pola excelencia e impacto da súa investigación e o seu compromiso coas demandas da sociedade. O obxectivo do CiTIUS é levar a cabo unha investigación multidisciplinar e de vangarda no ámbito das Tecnoloxías Intelixentes. O CiTIUS conta ademais cun programa de captación e formación orientado á incorporación de persoal investigador con capacidade para liderar nun futuro liñas de investigación de excelencia científica e impacto socioeconómico.

Para a obtención destes obxectivos, o CiTIUS conta cunha estrutura organizacional autoesixente, baseada en catro requirimentos organizativos básicos: (1) selección competitiva do persoal investigador por parte dunha Comisión Científica Externa (CCE); (2) vinculación formal de persoal investigador seleccionado con criterios e pautas de vinculación e permanencia sobre a base dunha avaliación continua da súa actividade realizada pola CCE; (3) programación científica formulada en base a unha planificación estratéxica medible no marco dun Contrato Programa ligado ao cumprimento de obxectivos; (4) dirección científica executiva que integre as capacidades do persoal investigador do centro e asegure o progreso dos programas.

O centro conta na actualidade con 30 investigadores/as vinculados/as, que se organizan ao redor dos nove ámbitos científicos cos que conta o centro na actualidade. A Dirección do CiTIUS considera oportuno identificar un número limitado de novos/as investigadores/as vinculados/as que poidan reforzar as capacidades científicas do centro.

Cabe destacar que o persoal investigador vinculado é clave para a imaxe externa do centro e para o seu éxito científico e, polo tanto, está suxeito a unha avaliación continua e rigorosa dos seus resultados científicos. Esta avaliación pode ter consecuencias na súa futura continuidade como persoal investigador vinculado ao centro.

Sobre estas premisas, lanzamos esta Convocatoria para a recepción de solicitudes de vinculación ao CiTIUS.

Candidaturas elixibles

Esta convocatoria de solicitudes de vinculación está aberta ao persoal docente e investigador que cumpra os seguintes requisitos:

  • Persoal docente e investigador (PDI) con relación estable e actividade investigadora coa USC (catedrático/a e titular de universidade, profesorado permanente laboral, profesorado axudante doutor, profesorado distinguido e profesorado emérito). No caso de profesorado axudante doutor, profesorado distinguido e profesorado emérito, a súa vinculación virá establecida pola vixencia da súa relación contractual coa entidade.
  • Persoal investigador doutras institucións adscrito á USC mediante acordos institucionais que recoñezan a súa relación formal co Instituto (por exemplo, Programa Oportunius con GAIN, persoal investigador adscrito CSIC).
  • Persoal investigador posdoutoral de convocatorias de RRHH competitivas que posúa un compromiso de estabilización coa USC (por exemplo, Contratos Ramón y Cajal). O seu período de vinculación virá establecido pola vixencia da súa relación contractual coa entidade.

As persoas candidatas deberán acreditar un alto nivel de publicacións relacionadas coas principais áreas temáticas do CiTIUS e amosar unha capacidade probada para a captación de recursos financeiros externos.

No caso dos candidatos/as que actualmente están a colaborar cun equipo de investigación do CiTIUS, deben indicar as contribucións individuais relevantes que xustifican a súa solicitude de vinculación.

En canto ao resto de solicitantes, a nosa prioridade é incorporar novo persoal investigador con experiencia científica complementaria, que contribúa a fortalecer as capacidades do centro e a coherencia dos nosos programas científicos. Esta complementariedade e a experiencia previa da persoa candidata en proxectos de investigación colaborativa relacionados coas principais áreas temáticas do CiTIUS deben destacarse na solicitude.

Non se admitirán solicitudes de persoal investigador con compromiso de vinculación vixente con outro centro/instituto de investigación, con permanencia actual superior a un ano.

Presentación de solicitudes de vinculación

A data límite para a presentación de solicitudes é o 7 de xullo de 2025 ás 14 horas (CET). A solicitude debe enviarse a citius@usc.es en formato .pdf, utilizando o formulario adxunto: descargar solicitude.

Proceso de selección

O proceso de avaliación e selección será realizado pola Comisión Científica Externa do CiTIUS.

O nomeamento formal como persoal investigador vinculado das persoas candidatas seleccionadas será aprobado pola Comisión Reitora do CiTIUS, a través da firma dun compromiso formal cos obxectivos estratéxicos e a política organizativa do centro.

Contacto

Para calquera aclaración ou consulta sobre esta convocatoria, dirixirse ao CiTIUS: