Presentan 'DigiTrack', unha ferramenta pública para entender como evolucionan os Dereitos Dixitais en internet

A plataforma, desenvolvida polo CiTIUS en colaboración coa Fundación Hermes, enmárcase no Observatorio de Dereitos Dixitais (ODD), co apoio de Red.es

O ecosistema dixital condiciona cada vez máis o exercicio de dereitos fundamentais como a privacidade, o acceso á información, a non discriminación ou a participación. Nese contexto nace DigiTrack, unha ferramenta pública de busca e analítica sobre contidos web relacionados cos Dereitos Dixitais, deseñada para observar como evolucionan estes temas en internet, detectar tendencias e ofrecer unha base informativa útil para a análise, a comunicación e a acción pública. A ferramenta desenvólvese no marco do Observatorio de Dereitos Dixitais (ODD), co apoio de Red.es.

DigiTrack foi desenvolvida polo CiTIUS (un centro cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027), en colaboración coa Fundación Hermes. A plataforma permite consultar e analizar contidos procedentes de fontes dixitais abertas, como noticias, redes sociais, blogs e outros espazos en liña, co obxectivo de ofrecer unha visión máis estruturada do debate público en torno aos Dereitos Dixitais. 

O seu funcionamento permite identificar temas emerxentes, seguir a súa evolución no tempo, analizar sentimento e emocións asociadas aos contidos recompilados e facilitar unha lectura máis ordenada da conversa dixital. Este enfoque aliñase co propósito do Observatorio de Dereitos Dixitais, impulsado por Red.es, de reforzar o seguimento, a difusión, o debate e a promoción dos Dereitos Dixitais entre cidadanía, administracións, universidades, fundacións e organizacións sociais.

«A ferramenta incorpora tecnoloxías avanzadas de IA e recuperación de información adaptadas para estruturar e analizar os contidos sobre Dereitos Dixitais», explica David Losada.

O investigador do CiTIUS David E. Losada, responsable do desenvolvemento de DigiTrack, explica que «a ferramenta está dotada de tecnoloxías e modelos avanzados de IA e Recuperación de Información, que foron adaptados ao dominio de Dereitos Dixitais e que proporcionan ao usuario final servizos como a organización automática de contidos por subtemas, o seguimento temporal de impacto, e a posibilidade de realizar consultas en texto libre mediante un buscador vertical, entre outros».

Para Senén Barro, director científico do CiTIUS, «DigiTrack nace cunha vocación moi clara: transformar información dixital dispersa en coñecemento útil para comprender mellor como se expresan, evolucionan e se perciben os Dereitos Dixitais, particularmente na conversa pública».

«DigiTrack permite converter a conversa dixital en coñecemento útil para comprender mellor os Dereitos Dixitais», sinala o director científico do CiTIUS

Desde a Universidade de Santiago de Compostela, a súa reitora, Rosa Crujeiras, subliña que «proxectos como DigiTrack reflicten a capacidade da universidade pública para xerar coñecemento aplicado, conectar investigación e servizo público e contribuír a retos sociais vinculados á transformación dixital».

Pola súa banda, Luisa Alli, directora xeral da Fundación Hermes, destaca que «o desenvolvemento de ferramentas como DigiTrack reforza unha idea esencial: os Dereitos Dixitais non poden quedar nun plano declarativo, senón que necesitan observación, análise e capacidade real de actuación».

A plataforma está concibida como un recurso útil para administracións públicas, xornalistas, investigadores, analistas e organizacións sociais, ao facilitar unha base estruturada para observar tendencias, detectar cambios na percepción social e apoiar diagnósticos, accións de sensibilización ou iniciativas vinculadas á cidadanía dixital. Ese encaixe responde ao modelo colaborativo do ODD, no que participan universidades, fundacións e outras entidades para reforzar a protección dos dereitos da cidadanía no contorno dixital.

Con DigiTrack, o Observatorio de Dereitos Dixitais reforza a súa dimensión de análise e seguimento, achegando unha ferramenta que permite converter a conversa dixital en evidencia máis comprensible, explorábel e reutilizábel. (red.es)

Observatorio de Dereitos Dixitais e Fundación Hermes

O Observatorio de Dereitos Dixitais é unha iniciativa público-privada impulsada por Red.es para dar resposta aos retos éticos, sociais e normativos da dixitalización, promovendo a difusión e protección dos dereitos dixitais e a implementación da Carta de Dereitos Dixitais. Neste marco, a Fundación Hermes contribúe a impulsar políticas públicas e ferramentas que garantan o exercicio efectivo destes dereitos, promovendo unha gobernanza tecnolóxica baseada na transparencia, a responsabilidade e a participación social.

Noticias relacionadas