STERapp

Unha ferramenta gráfica intuitiva para realizar análises estereolóxicas

Problema

A estereoloxía é un conxunto de técnicas e metodoloxías para estimar parámetros xeométricos cuantitativos non nesgados (por exemplo, número, lonxitude, área e volume) a partir de material sólido, baseándose na relación entre unha estrutura 3D e as seccións transversais 2D obtidas dela; é dicir, a estereoloxía é a interpretación tridimensional das seccións bidimensionais dunha estrutura.

A fecundidade é un parámetro clave no estudo da bioloxía das poboacións de peixes e da súa dinámica. A súa estimación utilízase para calcular a produtividade das poboacións de peixes, así como a biomasa reprodutora, mediante a aplicación de métodos de produción de ovos (EPM), co fin de establecer puntos de referencia biolóxicos que se utilizan para a xestión sostible das pesqueiras. Estimar a fecundidade mediante métodos estereolóxicos implica contar e medir os diámetros dos ovocitos (células esféricas) en diferentes fases de desenvolvemento (alvéolos corticais, viteloxénicos e hidratados), así como das células que serán reabsorbidas (atréticas), en imaxes histolóxicas. Para medir o diámetro, só se deben considerar aqueles ovocitos cun núcleo visible na preparación histolóxica (é dicir, cortados preto do seu diámetro máximo). A pesar de que a estereoloxía é un método robusto e non nesgado para estimar a fecundidade, aínda require técnicos especializados e leva moito tempo, mesmo co software dispoñible na actualidade.

Solución proposta: STERapp

STERapp é un software de uso xeral para realizar análises estereolóxicas cunha interface gráfica intuitiva que permite a supervisión de persoas expertas. Inclúe un módulo para estimar a fecundidade dos peixes (número e tamaño dos ovocitos maduros no ovario), que están a utilizar especialistas en bioloxía de peixes en dous centros españois de investigación mariña, os laboratorios IIM-CSIC e IEO-Vigo, para estimar a fecundidade de especies de peixes con diferentes estratexias reprodutivas e características dos ovocitos.

O tempo que necesitan as persoas expertas para procesar imaxes histolóxicas con STERapp é moito menor que coas outras ferramentas, porque a súa interface gráfica de usuario (GUI), intuitiva e doada de usar, facilita moito o traballo técnico. STERapp é o suficientemente rápido para traballar en liña nun ordenador persoal de propósito xeral en calquera laboratorio biolóxico.