'HYBRIDS' culmina en Italia catro anos de investigación para combater a desinformación con IA

O encontro final da rede doutoral europea coordinada polo CiTIUS reunirá en Trento especialistas internacionais en intelixencia artificial, comunicación dixital e políticas públicas para analizar os desafíos que supoñen a desinformación, a polarización e os modelos xenerativos nas sociedades democráticas.

A cidade italiana de Trento acollerá entre os días 22 e 25 de xuño os eventos de clausura de HYBRIDS, unha rede doutoral europea financiada por Horizonte Europa e coordinada polo CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela. Durante catro anos, este proxecto impulsou a formación dunha nova xeración de investigadores e investigadoras especializados no estudo da desinformación, o discurso de odio, a manipulación en liña e outros fenómenos que afectan á calidade do debate público na contorna dixital.

Catro anos de investigación europea para comprender e combater a desinformación na era da IA

Os actos finais, organizados pola Fondazione Bruno Kessler (FBK), reunirán persoal investigador, especialistas en intelixencia artificial, profesionais da comunicación, responsables políticos e representantes da sociedade civil para compartir resultados científicos e debater sobre o impacto social das tecnoloxías emerxentes. A participación do CiTIUS reforza ademais o papel de Galicia nalgunhas das iniciativas europeas máis avanzadas no ámbito da intelixencia artificial responsable. O centro compostelán, coordinador do proxecto, está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.

Desinformación, IA e democracia

A conferencia internacional Navigating Disinformation in the Age of AI, que se celebrará do 22 ao 24 de xuño en formato híbrido, servirá para presentar os principais avances científicos obtidos polo consorcio. O programa inclúe relatorios maxistrais de especialistas internacionais e presentacións do estudantado de doutoramento do proxecto.

Entre os temas abordados figuran a detección automática da desinformación, a análise de argumentos, a verificación de contidos, o estudo de discursos hiperpartidistas e o impacto dos grandes modelos de linguaxe e da intelixencia artificial multimodal sobre os procesos democráticos.

A programación culminará o 25 de xuño coa celebración do HYBRIDS AI for Society Showcase, unha xornada concibida para achegar os resultados do proxecto a organizacións, empresas, administracións públicas e cidadanía.

Durante esta sesión presentaranse demostracións prácticas das ferramentas desenvolvidas no marco de HYBRIDS, permitindo ás persoas asistentes explorar como as tecnoloxías baseadas en intelixencia artificial poden contribuír a detectar e analizar fenómenos de desinformación a partir de datos reais. O obxectivo é recoller ademais a valoración dos distintos grupos de interese sobre a utilidade e o potencial impacto social destas solucións.

Do laboratorio á sociedade: HYBRIDS presenta ferramentas desenvolvidas para afrontar algúns dos principais desafíos informativos do noso tempo

O encontro pretende abrir un espazo de diálogo entre investigación, industria e sociedade para avaliar o potencial destas ferramentas e o seu impacto na construción de ecosistemas dixitais máis resilientes fronte á manipulación informativa.

Unha rede europea coordinada desde Santiago

O proxecto HYBRIDS é unha Rede Doutoral Marie Skłodowska-Curie financiada pola Unión Europea e cofinanciada por UK Research and Innovation (UKRI). Baixo a coordinación do CiTIUS participan universidades, centros de investigación, organizacións sen ánimo de lucro e empresas innovadoras de sete países europeos.

O proxecto combina coñecementos procedentes da informática, as ciencias sociais, a lingüística, os estudos de comunicación e a ciencia de datos para desenvolver metodoloxías e ferramentas capaces de comprender, analizar e contrarrestar a desinformación e outras formas de comunicación dixital prexudicial. Tras catro anos de traballo colaborativo, os encontros de Trento servirán para presentar os principais resultados obtidos e abrir o debate sobre o papel que a intelixencia artificial pode desempeñar na construción de sociedades máis resilientes fronte á manipulación informativa.

Noticias relacionadas

'HYBRIDS' celebra o seu cuarto encontro de investigación para promover competencias interdisciplinares en Intelixencia Artificial
Noticia31 de marzo de 2025

'HYBRIDS' celebra o seu cuarto encontro de investigación para promover competencias interdisciplinares en Intelixencia Artificial

O novo encontro da rede doutoral europea liderada polo CiTIUS terá lugar no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña do 21 ao 25 de abril.

'HYBRIDS' e 'NL4XAI' celebran un evento conxunto no CiTIUS
Noticia10 de setembro de 2023

'HYBRIDS' e 'NL4XAI' celebran un evento conxunto no CiTIUS

As dúas redes europeas de investigación coordinadas polo centro coincidirán nun encontro entre o 18 e o 22 de setembro.

'HYBRIDS' organiza o seu quinto evento conxunto de investigación para analizar as implicacións sociais e éticas dos seus proxectos
Noticia22 de xaneiro de 2026

'HYBRIDS' organiza o seu quinto evento conxunto de investigación para analizar as implicacións sociais e éticas dos seus proxectos

A Universidade de Caen Normandía acollerá esta nova edición do Seminario Conxunto de Investigación (JRSV) organizado pola rede doutoral europea liderada polo CiTIUS do 26 ao 30 de xaneiro de 2026.

A Comisión Europea escolle o proxecto HYBRIDS para participar nun foro sobre democracia dixital
Noticia30 de xaneiro de 2025

A Comisión Europea escolle o proxecto HYBRIDS para participar nun foro sobre democracia dixital

A Rede Doutoral HYBRIDS, coordinada polo CiTIUS, recibe unha invitación para participar nun encontro promovido polo executivo europeo, tras ser recoñecida como 'un modelo de boas prácticas na loita contra a desinformación'.

IA e coñecemento humano selan unha alianza estratéxica contra a desinformación no novo proxecto de investigación financiado pola Unión Europea (UE) e o UK Research an Innovation (UKRI)
Noticia25 de xaneiro de 2023

IA e coñecemento humano selan unha alianza estratéxica contra a desinformación no novo proxecto de investigación financiado pola Unión Europea (UE) e o UK Research an Innovation (UKRI)

Humanos e máquinas achegarán o mellor de si para pór coto a unha das maiores ameazas da democracia: noticias falsas, discursos de odio e desinformación atoparán un novo obstáculo no consorcio europeo ‘HYBRIDS’: unha iniciativa internacional financiada con 2,9 millóns de euros polo programa de investigación e innovación Marie Sklodowska-Curie Doctoral Networks do programa 'Horizonte Europa' da UE, e o fondo de garantía 'Horizonte Europa' do UKRI.